Felicidades mi niño
Novembro 26, 2009
Familias acolledoras
Novembro 1, 2009
DENDE AS ONDAS
Familias acolledoras
ANTONIO GUTIÉRREZ
A asociación de Familias Acolledoras de Galicia (FAG) xa é unha realidade. Onte presentábase oficialmente en sociedade en Compostela, coincidindo coa celebración do Día Internacional desta realidade; un tanto descoñecida polos cidadáns pero esencial para os menores que proceden de familias biolóxicas desestruturadas ou con risco de exclusión social. A FAG está integrada por familias da máis diversa composición, pero co denominador común da solidariedade. Os membros deste colectivo están comprometidos na defensa dos dereitos destes menores, e moi especialmente no da igualdade de oportunidades.
Tradicionalmente España apostou polo internamento en centros de acollida. E de feito aínda hoxe esa é a práctica maioritaria, anque en Galicia comeza paseniño a reverterse a tendencia. O momento clave foi a aprobación da lei de 1987. Dende entón hai un consenso entre os profesionais dos servizos públicos, os estudosos do tema e mesmo os xuíces e fiscais, sobre a conveniencia de que os menores en situación de desamparo ou desprotección se inserten no seo dunha familia normalizada que substitúa temporalmente a biolóxica.
Nestes momentos a Xunta tutela aproximadamente dous mil setecentos nenos en situación de desamparo pola incapacidade dos seus proxenitores para cumpriren as obrigas propias dos pais.
É un problema serio que precisa da implicación xeral da sociedade. O fin último é garantirlles a estes nenos un futuro digno. Trátase de que gocen das mesmas oportunidades que tivemos os que medramos nunha familia normal, que nos rodeou de afecto e nos apoiou para medrar emocional e intelectualmente. O asunto suscita un interese crecente e xa comeza a ser abundante a literatura que reflexiona sobre estas cuestións.
Un dos últimos documentos de referencia saíu do Valedor do Pobo. No informe extraordinario publicado o ano pasado Menores vulnerables: desprotección e responsabilidade penal, Benigno López avogaba precisamente polo acollemento familiar en vez do institucionalizado, como un mecanismo idóneo para combater a marxinalidade e mesmo a delincuencia entre os menores desprotexidos.
Cunha clarividencia que merece atención, o Valedor expuña as mesmas eivas que as familias acolledoras denuncian dende hai xa demasiado tempo. Cómpre traballar coas familias en risco de exclusión, porque de nada serve quitarlles a tutela dos fillos se non se poñen as medidas axeitadas para que poidan volver facerse cargo deles. Urxe tamén coidar ás familias de acollida, que moitas veces precisan só información e pautas para relacionase cos menores acollidos, en especial se son adolescentes. Faise necesario potenciar os servizos sociais e dotar os equipos técnicos de menores de máis medios materiais e humanos, porque son tan poucos que non dan feito o traballo. Pero sobre todo, é preciso desenvolver programas preventivos que eviten a marxinación e que fagan innecesaria a figura da familia acolledora.
Se a Xunta non toma en serio esta realidade, máis acuciante en épocas de crise, corremos o risco de ver como en pouco tempo se nos dispara unha delincuencia xuvenil que nos últimos anos non fixo máis ca aumentar.
A importancia do tema e a escaseza de familias dispostas a acoller nenos obriga de cando en vez a facer campañas de sensibilización. O próximo día 20 celebraremos o Día Universal do Neno. Por documentos oficiais non queda. Sobre o papel os menores están amparados dun xeito moi especial polas leis propias do país, e a escala internacional pola Declaración dos Dereitos do neno de 1959 e mais pola Convención sobre os Dereitos do neno de 1989. Pero sabemos que a realidade é máis prosaica. Así que hoxe é un bo día para achegarse ata a Cruz Vermella e informarse deste proxecto que tanto nos afecta a todos porque traballa polos que han ser o noso futuro inmediato. Non se arrepentirán.
